Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta destina 88 millóns de euros para dotar da mellor tecnoloxía aos hospitais galegos


“As grandes infraestruturas pactadas nos hospitais da Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense tamén están incluídas, así como as especificidades pactadas nos hospitais comarcais”, engade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello o desbloqueo de máis de 88 millóns de euros para dotar da mellor tecnoloxía aos hospitais galegos os vindeiros oito anos. “Estamos a falar do desbloqueo dun dos maiores investimentos que se teñen feito nunca na dotación tecnolóxica do Sergas para renovar a tecnoloxía dos hospitais galegos do Servizo de saúde; do maior plan renove de tecnoloxía sanitaria que neste momento hai no Sistema Nacional de Saúde”, aseverou.

Feijóo subliñou que se trata dun contrato de colaboración entre o sector público e as industrias tecnolóxicas sanitarias, con tres lotes de renovación, ampliación e compra de nova tecnoloxía: lote de diagnóstico por imaxe, lote de intervencionismo e lote de radioterapia.

Así mesmo, precisou que nesta dotación están incluídos todos os hospitais do Sergas, facendo fincapé no novo Hospital de Vigo; na ampliación da carteira de servizos do Hospital Lucus Augusti de Lugo, coa dotación este ano do equipamento preciso para radioterapia e medicina nuclear; e na dotación do TAC de última xeración para o Hospital do Barco de Valdeorras. “As grandes infraestruturas pactadas nos hospitais da Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense tamén están incluídas, así como as especificidades pactadas nos hospitais comarcais”, engadiu.

“Contratamos polo tanto o uso da alta tecnoloxía para os hospitais galegos para os vindeiros oito anos: aumentando a calidade asistencial; mellorando a dispoñibilidade do equipamento; e permitindo á cidadanía galega o acceso aos últimos avances”, dixo, logo de subliñar que o formato contractual elixido presenta unha serie de vantaxes respecto ao que se viña facendo ata agora.

Sobre este segundo aspecto, o titular do Goberno galego destacou que xa non é preciso adquirir os equipos e contratar despois o mantemento; o adxudicatario será o responsable de que o equipo estea en boas condicións de uso en todo momento; redúcese o custe inicial de implantación da tecnoloxía; mellóranse os prazos de posta en marcha; e garántese a formación continuada do persoal e a actualización tecnolóxica do equipamento. “Con este acordo garantimos que practicamente a totalidade desta aparellaxe se instale ao longo do 2015 e 2016; o mantemento durante oito anos e a renovación; a formación do persoal; un software igual para todos independentemente do hospital; e o seu rendemento”, afirmou.

Unha vez autorizado o gasto, Feijóo explicou que este mesmo mes invitarase a todas as empresas a presentar unha oferta final; “valoraranse todas as ofertas e entre os meses de marzo, abril e maio estará definitivamente adxudicada toda a aparellaxe para os próximos oito anos”.

Logo de asegurar que a Sanidade seguirá a ser tamén nesta segunda lexislatura unha das prioridades do Goberno galego: con máis infraestruturas –ampliacións, reformas e novos hospitais e centros de saúde- e con máis tecnoloxía, con programas como o Innova Saúde e Hospital 2050, Feijóo insistiu en que con este acordo garántese que a Sanidade pública galega dispoña dos mellores medios, o seu mantemento, renovación tecnolóxica e financiamento, así como o seu rendemento e a súa axeitada actualización. “Todo elo para ofrecer aos cidadáns os mellores servizos para o diagnóstico e o tratamento das enfermidades, con técnicas menos invasivas, menos dolorosas e máis seguras e certeiras para os pacientes”.